O Programa Alerta Escolar comprende un conxunto de iniciativas e actuacións dirixidas a que o persoal educativo da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) do Concello da Coruña:
- sexa capaz de recoñecer unha situación que requira da actuación do 061,
- realizar os xestos fundamentais para salvar as vidas dos alumnos e alumnas que presenten algunhas patoloxías para as que no referido programa foi deseñado e
- alertar eficazmente á Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de forma que se logre un alto nivel de eficacia e unha racional utilización dos recursos de atención ás emerxencias dispoñibles.
Compromisos (Sanidade)
- Información a todos/as os/as pediatras da Comunidade Autónoma que reflicta a posta en marcha do Programa "Alerta Escolar", e o seu sentido e significado.
- Elaboración dunhas recomendacións xerais e guías de actuación de uso fácil e de rápida aplicación que lle servirá ao profesorado para recoñecer o cadro clínico das patoloxías incluídas no Programa "Alerta Escolar", como paso previo ao de solicitar asistencia sanitaria a través do número de teléfono 061.
- Elaboración de carteis informativos do Programa "Alerta Escolar", que serán expostos nos centros, así como de dípticos dirixidos aos pais/nais, nos que son informados de todo o relativo ao desenvolvemento do programa. Ambos en número suficiente como para garantir a súa adecuada difusión.
- Levar a cabo un plan de formación sobre soporte vital, RCP e primeiros auxilios nos centros.
Compromisos (Rede de Escolas Infantís Municipais)
- Publicar a información sobre o programa no portal educativo do Concello da Coruña (www.coruna.gal/educacion)
- Difusión do programa a todas as familias: información e documentación necesaria para incluír os seus fillos e as súas fillas, de ser o caso, no Programa "Alerta Escolar"
- Creación dun ficheiro, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro sobre protección de datos de carácter persoal, coa finalidade de conter a información máis relevante do alumnado incurso no Programa "Alerta Escolar"
Patoloxías incluídas no programa
- Epilepsia. Afección crónica que se caracteriza pola repetición de crises debidas a unha descarga excesiva nas neuronas cerebrais. A crise convulsiva é un tipo de crise epiléptica.
- Shock anafiláctico. Síndrome clínica de hipersensibilidade grave, caracterizado por alteracións cardiovasculares e respiratorias. Sempre existe un axente de desencadenamento, que recibe o nome de alérxeno.
- Diabetes. Caracterízase pola existencia de niveis moi baixos de glicosa en sangue. Non sempre se manifesta clinicamente, e cando o fai, os síntomas desaparecen ao normalizarse a glucemia con tratamento.